Mesa redonda Poesía



Yüklə 29,84 Kb.
tarix12.08.2018
ölçüsü29,84 Kb.
#70044

Mesa redonda Poesía
Baldo Ramos

 

 


 

Letanía autocrítica

Escribir hoxe en Galicia require dun sabio exercicio de autocrítica e de conciencia da situación socio-cultural e económica do país. E non tanto porque o escritor deba manter unha relación de compromiso belixerante coa mesma senón máis ben porque, a un nivel menos superficial e por iso mesmo máis ineludíbel e condicionante, o contexto socio-cultural e económico nega e anula a liberdade precisa para que un creador madure a súa obra de xeito natural, sen precisar de inxertos ou podas en destempo.

Procurarei esbozar nestas liñas algúns dos aspectos que ó meu entender convén analizar a xeito de sincera autocrítica sobre a situación hoxe da poesía en Galicia, en referencia ós tres polos da comunicación literaria que interveñen no seu acontecer: a política editorial, a actitude dos poetas e a resposta do lector.

Política editorial

As editoras galegas, e non só as de poesía, entendo que propician o enfrontamento entre autores e propostas literarias ó non saber obviar condicionantes propios de sistemas literarios normalizados ó pretender adaptalos inxenuamente a unha realidade moi dispar á que naqueles se implantan, o que trae como consecuencia unha inexistente política editorial propia e rigorosa que se orienta por:

1. A conveniencia circunstancial ou implantación de falsas modas.

Cando un sistema literario está normalizado (esto é, cando os tres pilares da comunicación literaria -editor, autor, lector-están ben asentados e non peligran polo peso que soportan) as tendencias xorden alternativamente con naturalidade, nun proceso de dilatación-contracción nalgún deles que permite o equilibrio respecto ós demais e a súa pervivencia. Pero no sistema literario galego esta dinámica non se produce (aínda que só sexa por algo que ninguén discute, como é a non normalidade na recepción do producto literario por parte do lector), daí que as modas non son máis que unha imposición ás veces personalista dos editores ou dos poderes culturais que ostentan o privilexio de bendicir ou censurar.


Lección deste espectáculo grotesco pódese tirar do mundo da
moda: ¿que sentido tería que a moda galega tivese bos deseñadores, poderosas empresas detrás que faciliten a recepción
do producto, e non existise comprador para esas prendas? ¿Tería sentido falar de moda?
Mais ben estariamos ante un exercicio despótico de imposición sen conexión coa realidade na que xorde.
Pois ben; sen perder de vista esta comparación: ¿cal ou cales destes pilares non soportan o peso que podería facer que a comunicación funcionase no sistema literario galego? Fagamos autocrítica.

2. A defensa do minifundio estético.

Acorde co espíritu egocéntrico e insolidario que lastra o proceso de toma de conciencia por parte do pobo galego de ser unha colectividade diferenciada e con identidade propia (¿como recoñecernos como pobo se non recoñecemos ó noso veciño?), a creación literaria encarna á perfección ese sentemento de defensa do propio á costa do desprezo do alleo.
Certo é que posuír unha migalla de terra na que plantar os bens de autoconsumo que nos permitan subsistir e compararnos co veciño que posúa outra migalla de terra, sempre un chisco menos coidada, está ben. Non cabe dúbida. ¿Pero é iso o que precisa o agro literario galego? ¿Quen alimenta este subconsciente ancestral que nos fai característicos? ¿Quen prefire ternos enfrontados e coas terras divididas, cada un coa súa, é certo (orgullo do labrego das palabras), pero sen poder aspirar a sementar productivamente, para sementar coa esperanza de poder
compartir, de poder chegar ós demais, lonxe da leira propia e da complacencia ególatra de sobrevivir e de iso tan noso como
é o de ir tirando?
Nun sistema literario normalizado os enfrontamentos entre bandos editoriais e poéticas é xustificado: en Galicia, aínda non se acadou a normalidade no dinamismo da producción literaria, daí que estes enfrontamentos miméticos con respecto a outras literaturas o que fan é retrasar a normalización e debilitar o potencial creativo no ámbito galego. Fagamos autocrítica.

3. A especulación editorial.

Na década dos 90, as editoriais galegas viron medrar o número de obras publicadas de xeito concorde ó número de ventas, ata que nos últimos anos da década e nos primeiros desta, a edición en Galicia semella ter atopado o seu teito de aspiracións.
O do teito pode servirnos para un símil co mundo da construcción.
Os especuladores deste sector caracterízanse por ocupar espacios sen valor, case abandonados, ermos, e revalorizalos en complicidade co futuro, a rendabilidade e outras irisacións que o beneficio doado produce no cerebro do especulador que axexa (que é o que etimoloxicamente significa, por certo).
Pois ó meu ver, a política editorial en Galicia pecou de especuladora ó deixarse levar pola facilidade de medrar por medrar e tentar facer do monte leira. Taláronse as árbores para ter pastos, mais resultou co tempo que as cabezas de gando se viron reducidas por razóns aparentemente alleas ó cultivo dos terreos. E agora temos un país deforestado, coas parcelas de
pasto acondicionadas, mesmo incluso concentradas parcelariamente, mais non hai quen as traballe, nen gando para que a cadea productiva se peche. ¿Falta de previsión? ¿Cegueira especulativa? ¿Descoñecemento do terreo? ¿Quizais das necesidades do país?
¿Non se publicaría demasiado sen ningún criterio e agora o público xa non está para desculpas ou correccións anacrónicas? ¿Saldamos o construído ou derrubámolo para empezar novamente racionalizando o crecemento e non aproveitándose do diñeiro institucional que ó meu ver se facilitou para causar o colapso que xustifique agora o desinterés da sociedade galega pola literatura escrita na súa lingua? Fagamos autocrítica.

4. Convivencia coa crítica.

Que as editoriais manteñen vínculos coa crítica especializada non tería en principio nada de malo nin de estrano, se estas conexións se produciran por confrontación con outras propostas que encubren sempre intereses económicos ou comerciais.
Pero en Galicia, se, como se afirma, a poesía non dá diñeiro, ¿que intereses regulan a confrontación, a indiferencia e o rexeitamento por parte dalgunhas editoriais á hora de estigmatizar a un autor e rexeitar obras de incuestionable calidade? Económicos, quedamos en que non. ¿Cales, logo? ¿Persoais? ¿Estéticos exclusivamente? Non parece que isto poida atraer lectores, senón máis ben fomentar un estado de parálise e consecuente gangrena que non aporta nada ó estatismo que ó meu
entender vive grande parte da producción poética en Galicia.
E un apunte máis sobre esta connivencia entre edición e
crítica:
Se como se ten dito en non poucos foros, a poesía galega vive unha saúde invidiábel por outras literaturas veciñas, eu pregúntome ¿por que non se explota e se exporta como se está a facer en Irlanda? Non será que se trata dunha afirmación esaxerada e levemente interesada? ¿E se é así por que interesan estas aseveracións: para a autocomplacencia que anestesia a crítica e a insatisfacción precisa para que a creación sexa un fértil campo de cultivo? Fagamos autocrítica.

5. Escaso achegamento ó público.

¿Que razóns pode agochar o feito de que algunhas das propostas máis interesantes da edición poética en Galicia procedan de institucións oficiais ou de editoras que non divulgan suficientemente os seus títulos? Alguén dirá que a poesía foi sempre un xénero marxinal, minoritario, inaccesible ás veces. Puidera haber verdade nesta razón. Non o dubido. Pero ocórreseme pensar ¿hai dúas concepcións da edición de poesía en Galicia? ¿Unha celebrada e excesivamente costosa para o lector, e outra esotérica e inencontrábel? ¿Non hai un termo medio? ¿Non interesa que o libro chegue? ¿Ou non hai razón como tantas veces? ¿Basta con que un libro non dea perdas? E se esta é a política, por qué non se estreman as medidas para publicar o estrictamente necesario, e non aquilo que sabemos que será ós dous días
prescindíbel e economicamente un fiasco? Fagamos autocrítica.

6. Inaccesibilidade a outras propostas poéticas contemporáneas.

As editoriais de poesía en Galicia, salvo algunha rara excepción, viven de costas á poesía recente e á poesía que se está a facer noutros lugares.
Aquí síguese traducindo a Whitman como unha novidade, case como se se tratara dun vangardista.
E todo aquilo que está escrito en castelán semella que contén as esporas do antrax. Quen coñece aquí o que se está a escribir hoxe no resto do país, sexa na lingua que sexa (excepción feita dese achegamento á poesía vasca feito por Letras de Cal no seu día ou á poesía balear en Espiral Maior), e menos que en ningunha, en castelán.
¿Por que? Sei a resposta. ¿Pero non será máis certo que a nosa literatura só terá entidade e fortaleza cando mire cara a cara ás súas literaturas veciñas, incluída a castelá?
Porque tampouco coas literaturas portuguesa e brasileira a nosa literatura ten un especial achegamento e unha relación de convivencia máis aló do anecdótico ou da pose especialista.
E ademais disto, o noso vivir de costas á poesía escrita en castelán afástanos inxenuamente de poéticas hispanoamericanas que arriquecerían as voces poéticas que hoxe se expresan no país; poéticas coas que poderían afondarse pontes de contacto
profundas, non só por vínculo histórico, senón pola riqueza que están a vivir poéticas como a cubana ou a arxentina. Fagamos
autocrítica.


Actitude dos poetas

1. Complicidade coa inercia editorial.

A parte das consideracións feitas sobre a política editorial e a connivencia dalgúns creadores con ela, hai dous datos que complementan este acrisolamento ós moldes que aquela impón:
A. as iniciativas editoriais xurdidas de xeito exemplar como a cooperativa poética de Letras de Cal, que terminará esmorecendo precisamente por reproducir os erros que no seu día motivaron a súa creación.
B. a sumisión ós premios e ós xurados. Ninguén dubida de que grande parte dos premios poéticos deste país -alomenos os máis apetecidos- están concedidos de antemán, ben por conveniencias persoais ou editoriais -caso este no que nada lle permite ó aspirante conceder ou amoldarse- ben por apetencias estéticas, caso este que motiva a total sumisión dalgúns poetas, xa que escriben para o premio en cuestión ou para os membros que han xulgar as obras. ¿Non semella empobrecedor? ¿Hai mellor proba que esta da pouca independencia dalgúns poetas e da influencia determinante que ten a crítica no devir da poesía que se está a facer hoxe en Galicia? Fagamos autocrítica.

2. Complicidade coa crítica canónica.

Eu sempre estudara que o canon era un concepto da teoría
literaria que se aplicaba a posteriori a xeito de parámetro de relectura e reordenación no tempo dunha obra literaria que se xulga á marxe dos condicionantes contextuais que a propiciaron. Mais no noso país semella que o proceso é o inverso: primeiro imponse un canon e logo aplícaselle ás obras editadas con posterioridade á súa aceptación.
¿Pero aceptación por quen? O canon tamén é un concepto ligado á colectividade lectora, á vida dunha obra literaria na rúa. ¿Non será que a crítica literaria en Galicia confunde os planos temporais? ¿Non se estarán implantando modelos foráneos de sistemas literarios asentados e con tradición a unha crítica que está por facerse, que está por desenvolver o seu potencial?
¿Non faría falta máis vontade de miras e menos pechazón aínda que só sexa porque para pechar as comportas do canon primeiro debera facilitarse a chegada de todas as augas que escorregan ata el?
Pois non, en vez de abrirse, a crítica prefire obstaculizar e propiciar o enfrontamento que os poetas inxenuamente escenifican entre poéticas e bandos político-literarios, o que ó meu ver desencadea un debilitamento do seu potencial. Lembro o caso da iniciativa de Letras de Cal como un bo xerme para fornecer a iniciativa poética, pero ¿é a súa desaparición unha escenificación do enfrontamento descrito?
Entre os poetas galegos ás veces semella que une máis a solución para un binomio ortográfico que a convicción na defensa común dunha literatura que non interesa fóra -e dentro daquel
xeito- ou simplemente se ignora seguramente porque non se fai
nada por coñecela e dignificala.
E por contra, dende dentro, estamos obsesionados con amorear o maior número de poetas nas antoloxías. ¿Para convencernos de que cantos máis mellor? Non creo que este sexa o mellor xeito de aplicar o canon prescrito.
E para rematar con isto, ás veces teño a sensación de que os poetas van por detrás dos críticos e as editoras, xa que escriben para xustificar tendencias como proceso inverso á ortodoxia na que o crítico precisa de marxes temporais para valorar as propostas dos autores e trazar as coordenadas que as expliquen.

3. Non entroncamento con outras tradicións, o que fai da poesía galega unha manifestación isolada a respecto doutras poesías do noso entorno -aínda que iniciativas cheas de ilusión como esta tendan pontes que ós que poden estreitalas non lles convén transitar- e que por iso mesmo se supón excepcional ó medrar sen referentes ou coordenadas inmanentes, isto é, ó non seguir un proceso natural de medra, afastado do onanismo acrítico que a alenta e a asfixia, sen que moitas veces o creador non sexa consciente dese paradoxo no que vive.


¿Débese isto á nosa adestrada sensiblidade de defensa ante a agresión cultural foránea? Isto en parte é o que explica que na poesía actual haxa autores que só atopan referentes na nosa tradición -inpedindo en grande medida a entrada de novidades e a renovación precisa- en voces ás veces esgotadas ou simplemente discretas polo alcance das súas obras.

4. Escasa autoesixencia á hora de publicar.

Este punto quizais sexa o que de xeito máis personalista nos pode afender. Mais só senón o vemos o través da autocrítica precisa que poida mellorar a situación actual da poesía en Galicia.
Debido á rede de complicidades e interdependencias das que xa falei, ás veces o poeta peca de ter presa por publicar para ser integrado e tido en conta no sistema literario que en apariencia vive un momento envexábel, de xeito que volvemos descubrir que o poeta vai un paso máis atrás que a crítica e as editoras, e que dalgún xeito escribe por encargo.
Ademais disto, no poeta galego percíbese ás veces unha complacencia inxenua no que escribe, actitude totalmente allea ó modelo tradicional de poeta insatisfeito e autodestructivo (ó estilo de Pessoa, Gottfried Benn ou na nosa tradición de Manuel Antonio e Luís Pimentel) que anda sempre á busca da palabra imposible, quizais pola magnificación na que cae a crítica ó recoñecer o seu valor.
Isto motiva que haxa autores que viven máis pendentes dos críticos que xulgan, antologan ou marxinan que de peneirar as súas obras. "Qué enfermedad la de esperar por los barcos del oro", sentenciaba o xoven poeta cubano Juan Carlos Valls na súa "Conversación con los maestros".
¿Desconfianza, interés malsán, busca dun éxito que aplicado ó poeta resulta sarcástico? Eu non coñezo ningún caso de crítico que soterrara a obra dun bo poeta, nin o caso dun bo poeta que
precisara dos críticos para que a súa obra perdurara.
A consecuencia deste entramado é o cultivo dunha poesía ás
veces demasiado superficial que, voltando a algo xa insinuado, dificilmente soporta a proba da traducción a outras linguas.
E emparentado con isto, ¿por que a nosa poesía de hoxe semella tan anodina? ¿Será consecuencia desta aparente complacencia e case que nulo compromiso e crítica social que traslocen as nosas letras cando ninguén dubida de que grande parte do país vive instalado no autoodio cultural e os poderes públicos fan o mínimo por remedialo? ¿Por que as únicas excepcións se expresan en clave irónica e satírica? ¿Quizais porque está todo perdido ou porque o poeta renunciou ó seu poder de convicción? Fagamos autocrítica.


A resposta do lector

Po excederme no tempo, e xa que nas valoracións feitas ata aquí o lector aparece aludido implicitamente -case diría que esta autocrítica a reclama un lector comprometido coa situación que hoxe vive a literatura do país- abreviarei apuntando soamente dúas cousas:

1. As respostas do lector ante esta parálise do sistema literario galego, falto de iniciativas e proxectos atractivos son o cansancio, a indiferencia e o desconcerto motivados por, respectivamente, o monolitismo e a escasa novidade de propostas, a inadecuada divulgación das obras e a confusa política dalgunhas editoras á hora de decidir qué se publica.

2. A percepción da poesía como un xénero menor e minoritario no que todo cabe e nada trascende, un xénero do que se di que nunca foi cultivado por tantos autores, e non obstante non ten lectores. Nesa aparente diversidade, o lector dubida, desconfía. Semella desconcertado diante de tanta oferta que non convence. E o prezo dos libros aínda o disuade máis.


Hai quen di malevolamente que en Galicia hai máis poetas que lectores. Habería logo que preguntarse que len algúns deses poetas que desequilibran a balanza. Porque, se cadra, atopamos aí a resposta á pregunta de por qué o lector de literatura galega escasea.
Quen me teña escoitado con atención percibirá nas miñas palabras un matiz agre que connota pesimismo ó respecto da situación que estamos a vivir neste comezo de século. É xustificado o parecer, mais non de todo certo.
É indudábel que externamente vive a cultura galega un momento quizais incomparable na súa historia no senso de que hai máis escritores ca nunca, quizais máis lectores, máis obras publicadas, máis editoriais e en consecuencia maiores ofertas.
Pero quizais por isto, pola nosa complacencia -non esquezamos que toda cultura agredida pervive na resistencia e na conciencia do seu asoballamento- ¿non estaremos sementando un porvir sen aspiracións, metáfora do pasado revivido, no que a poesía non sexa máis que o canto saudoso do que nunca tivemos e que, por fachenda insá, fomos perdendo sen sabelo?.
"Aran os bois e chove".
Namentres Penélope texe o seu consolo.

Yüklə 29,84 Kb.

Dostları ilə paylaş:




Verilənlər bazası müəlliflik hüququ ilə müdafiə olunur ©muhaz.org 2024
rəhbərliyinə müraciət

gir | qeydiyyatdan keç
    Ana səhifə


yükləyin