Novas desordes alimentarias, moitos nomes e poucas evidencias
A anorexia e mais a bulimia non son os únicos trastornos da conducta alimentaria, aínda que as novas patoloxías non contan co aval da comunidade científica
Poucas persoas poderían aclarar se é máis grave sufrir anorexia ou pregorexia, padecer bulimia ou solicitar un tratamento para a drunkorexia. A razón é que tanto a anorexia como a bulimia son trastornos alimentarios avalados pola comunidade científica e coñecidos pola sociedade en xeral. Agora ben, nos últimos anos véñense utilizando dende os medios de comunicación diferentes termos para definir outras desordes alimentarias, aínda pouco coñecidas entre a poboación e sen o recoñecemento científico. Un exemplo é o de permarexia, termo que identifica a obsesión de manterse sempre a dieta, con especial predilección polas que aparecen nas revistas ou polas que personalizan os famosos. Entre as mulleres embarazadas cóntanse casos de anorexia nerviosa durante a xestación, desorde que a prensa bautizou como pregorexia. Tamén se fala de drunkorexia e ebriorexia para referirse a unha desorde alimentaria espallada entre os mozos que deixan de comer durante horas ou que o fan en cantidades moi pequenas para compensaren as calorías inxeridas polo consumo de bebidas. O problema é que atopar un tratamento preciso para os novos trastornos alimentarios é difícil porque os médicos aínda non os recoñecen oficialmente e non se estudan estes casos con detemento.
Trastornos alimentarios específicos
Anorexia e bulimia
A anorexia caracterízase polo desexo de manter o mínimo peso corporal, un medo intenso a coller quilos, un forte impulso a rexeitar a comida e por manter unha imaxe corporal distorsionada. Na bulimia, pola súa banda, o diagnóstico indica farturas repetidas con inxestión de grandes cantidades de alimentos acompañadas de sensación de perda de control sobre a situación. A estas farturas súmanse condutas compensatorias, como provocar vómitos ou a inxestión de laxantes e diuréticos xunto con períodos de xaxún. Ambos os dous trastornos, de non se trataren a tempo, conducen a graves problemas de saúde e, en casos extremos, ao falecemento da persoa afectada.
Trastorno por fartura
A tendencia a controlar a inxestión de alimentos para non coller peso ou para perder o que sobra identificouse a miúdo como un precursor do desenvolvemento de antollos cara aos alimentos. ? súa vez, o antollo, entendido como o forte desexo de comer alimentos concretos, pode desencadear episodios de farturas. O vínculo entre os antollos, as farturas e os trastornos da conduta alimentaria está descrito e é evidente.
A base desta explicación equipara a restrición dietética a outros estados de abstinencia de substancias aditivas, como poden ser o tabaco ou o alcohol. O problema xorde cando o pensamento de non poder tomar certos alimentos produce ansiedade, que dexenera nunha obsesión polo alimento, un estado que se repite moi a miúdo cando se segue unha dieta de adelgazamento.
O coidado da alimentación para controlar o peso que, nun principio, debería ser inofensivo e mesmo san, pode carrexar un grave trastorno do comportamento alimentario: o trastorno por fartura. O retrato máis común, que require o apoio de psiquiatras e psicólogos expertos, é o dunha muller de mediana idade, con certa preocupación pola súa figura e que durante toda a súa vida seguiu dietas de adelgazamento segundo a tempada, moitas delas consideradas milagre. A súa preocupación excesiva polo peso contribúe a distorsionar a súa propia percepción da fame e da saciedade, e lévaa a caer na tentación de comer de maneira máis compulsiva.
A Asociación Americana de Psiquiatría inclúe o trastorno por fartura (binge eating) no 'Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais' (DSM-IV). Diagnostícase en quen manifesta, polo menos, dous destes cinco síntomas: deglutición máis rápida do normal, comer ata sentirse desagradablemente farto, inxestión de grandes cantidades de comida malia non ter fame, comer a soas para agachar a voracidade e sentimento de culpabilidade tras este episodio. Cando a persoa perde o control, óptase a miúdo por unha boa fartura. Daquela inxire de xeito incontrolado grandes cantidades de comida: en menos de dúas horas pode tomar máis calorías das que precisa para un día enteiro. Comeza cunha larpeirada e, ao se decatar, é posible que dea conta do paquete enteiro de galletas ou de todo o paquete de chocolate. As 1.000 quilocalorías que ten un paquete de galletas cobren a metade das necesidades enerxéticas diarias dunha persoa adulta sa. Pero, a diferenza da bulimia nerviosa, quen sofre este trastorno non expresa condutas compensatorias como purgas, vómitos ou restricións dietéticas posteriores. A busca inicial na comida do pracer esperado e desexado convértese nunha preocupante obsesión por comer determinados alimentos sen poder parar.
Trastornos alimentarios non específicos
As publicacións, blogs e páxinas web que difunden novos vocábulos dentro do léxico das desordes alimentarias son diversas. Aínda que non representan a denominación médica oficial, identifican comportamentos anómalos e ao mesmo tempo insáns.
A 'ortorexia' asóciase á preocupación excesiva e irracional de comer só alimentos considerados sans e puros. A vigorexia padécea quen se obsesiona por lograr un corpo escultural. Fálase de xeumatofobia para concretar o temor ao gusto ou aos sabores descoñecidos. En nenos e mais en adultos, en especial en mulleres embarazadas, documentáronse casos de ansia por comer substancias non alimenticias como xiz, papel, cal, terra, etc. Pódese entender como un comportamento alimentario anormal o rexeitamento a determinados alimentos (food refuse) como medio para lograr outro alimento máis apetecible ou preferido. A denominada drunkorexia é unha conduta insá cada vez máis espallada entre as mozas novas. A obsesión por estar delgada e a aceptación social do consumo de alcohol son parte da orixe deste grave trastorno da conduta alimentaria. Co xaxún, as mozas tratan de compensar a suma das 110 calorías dunha cervexa, as máis de 200 calorías dun combinado ou as preto de 150 calorías dunha lata de refresco. Outro concepto en auxe é o manorexia, palabra coa que se sinala a anorexia nerviosa nos varóns.
Tamén é novo o vocábulo diabulimia, un problema crecente entre novas diabéticas que se valen da disciplina alimentaria que esixe a súa enfermidade para tratar de perder o máximo peso. O problema xorde cando se reducen as doses de insulina co fin de baixar de peso de xeito intencionado. Isto acontece porque o organismo, debido á falta de insulina, non pode aproveitar e metabolizar todos os azucres, a achega enerxética é menor e, en consecuencia, pérdese peso. As desordes alimentarias son moi perigosas se se suman a unha enfermidade crónica como é a diabete. Co tempo, o exceso de azucres dana os vasos sanguíneos que irrigan os nervios provocando neuropatías. Se o dano se produce nos vasos sanguíneos da retina pódese sufrir retinopatía diabética, que afecta á visión.
Pregorexia, ¿invención ou realidade?
O termo pregorexia apareceu hai algúns anos para describir o comportamento das mulleres embarazadas que reducían as calorías e facían máis exercicio nun esforzo por controlar o aumento de peso propio da xestación. A revista oficial American Dietetic Association (JADA) publicou en xuño do 2009 unha análise co fin de desvelar se este termo nacía como froito dunha invención por parte dos medios de comunicación ou dunha preocupación popular real. Segundo o estudo, os expertos entrevistados non crían que fose unha preocupación crecente nos Estados Unidos, aínda que non negaban a inquietude de moitas mulleres polo seu aumento de peso e pola súa imaxe corporal durante o embarazo. Suxerían tamén que os rumores sobre a pregorexia podían ser unha vía para os profesionais da saúde cara a un mellor asesoramento dietético ás mulleres embarazadas, con información máis clara sobre as necesidades enerxéticas, o aumento de peso, as eleccións alimentarias máis saudables, e a insistencia en que acadar un peso saudable antes e durante o embarazo é recomendable para reducir ao mínimo as complicacións para a nai e mais para o neno.
Síndrome do comedor nocturno
Outro trastorno sen dilucidar é a denominada síndrome do comedor nocturno (night eating syndrome). As persoas que o sofren coinciden nunha serie de condutas: inapetencia durante a mañá, a penas comen na primeira metade do día e forte apetito na segunda parte da xornada. Isto condúceos a comer demasiado na cea e no transcurso da noite. A estes síntomas súmanse outros como o insomnio e os frecuentes espertares nocturnos, acompañados pola sensación de ter moita fame e a necesidade irrefreable de comer. Así consolídase o círculo vicioso. A diferenza da bulimia ou do trastorno por fartura, neste caso a inxestión de alimentos, aínda que se fai en repetidas ocasións durante toda a noite, consiste en pequenos refrixerios, máis que nunha boa fartura. Primeiro un pouco de pan con queixo, despois unhas galletas, logo un vaso de leite, máis tarde un cacho de chocolate... A suma dos distintos aperitivos, segundo constataron diversos estudos, pode supoñer 600 calorías diarias de máis. Preto da metade dos pacientes diagnosticados con esta síndrome rexistraban un peso normal antes de sufrir esta desorde alimentaria, o que induce a pensar que este trastorno condiciona e/ou favorece a aparición da obesidade. De feito, obsérvase nunha elevada porcentaxe de persoas obesas.
O diario dos alimentos
Os especialistas en psicoloxía e psiquiatría utilizan o diario dos alimentos como ferramenta para o diagnóstico e o tratamento das desordes alimentarias.
Esta técnica de análise consiste en anotar ao longo do día todos os alimentos inxeridos o máis polo miúdo posible no que atinxe ás cantidades, ao tipo de alimento ou ao modo de preparación, e mais a hora ou momento do día do seu consumo. Ademais, a carón dos alimentos inxeridos hai que anotar os sentimentos e as sensacións experimentadas no momento da inxestión ou da elección de cada alimento (tristura, euforia, aburrimento, frustración, resignación...).
Dostları ilə paylaş: |